Aida Saco mira á nada mentres coloca as súas mans sobre o teclado. Concéntrase e empeza a tocar. Nese momento a liberación é tal que para ela é como escapar deste mundo. Experimentou esta sensación por primeira vez sendo unha nena, cun piano eléctrico que lle regalaron os seus pais. Nese momento xa a envolveu unha impresión máxica que a atrapou para sempre.


Con 8 anos empezou a formarse co instrumento e aos 14 entrou no conservatorio. A pesar da súa mocidade, Saco non demostraba a súa destreza só cando pousaba as mans no piano, senón tamén cando poñía as notas no pentagrama. A súa impecable traxectoria aválana os bos resultados académicos e no conservatorio. Capaz mesmo de sacar máis dun ano por curso en música, empezou a verse como pianista profesional.