Astrogirl é María Jesús Cabana, artista coruñesa que comezou a súa aventura musical en 2014. Desde moi temperá idade soubo que o que quería era facer cancións e subir aos escenarios. Con esta idea en mente aos 7 anos empezou a prepararse tomando clases de música e diferentes instrumentos, pero as aulas dos conservatorios non podían ofrecerlle o que buscaba e as súas aspiracións víronse frustradas.

Diferentes circunstancias da súa contorna, como a falta clara de referentes femininos no mundo do pop-rock e a ausencia doutras mozas e adolescentes que compartisen as súas inquietudes, unido isto á súa timidez, levárona a crer que ese mundo non era para ela, que alí non estaba o seu sitio.

Cos anos, sendo xa adulta, tras moitísimo tempo mantendo en segredo as súas aspiracións, comprendeu que o mundo musical que levaba dentro necesitaba materializarse e que non había máis opción que abrirlle paso se non quería vivir por sempre con ese baleiro.

Comezou por volver coller a súa guitarra e compoñer algúns temas que cantaba para amigos en festas e reunións, pero non foi ata 2017 que empezou a tomarllo en serio. Ese foi o ano do cambio, e o detonante gañar o 2º premio do certame Outra+ outra de “Estudos Mans”.

Astrogirl é unha proposta ante todo honesta, que nace da alma de María Jesús e viaxa directa ás almas do seu público, arrolándoas e transportándoas nunha viaxe chea de misterio e corazón.