Vanesa Álvarez (Vigo, 1983), titulada en artes plásticas e deseño, traballa como deseñadora gráfica desde hai 14 anos, tanto na súa vertente máis comercial como colaborando para artes escénicas e performance (A artística, 6×6, Disque Danza, A factoría teatro), poesía (Festival Kerouac Vigo) e arte urbana (Vigo, cidade de cor nas suas tres edicións, Pintamalasaña, Progreso 41, Casa Galicia New York).

A arte e a poesía sempre tiveron unha pegada palpable nos deseños desta artista gráfica, que participou en expos de xoiería (premios GZ Crea), fotografía (Casa dás Mulleres), na perfomance “Xardín segredo” en MARCO (en colaboración con La Canalla) ou en colectivas de cartelismo (“Plantemos cara as armas”, en VERBUM).

En abril de 2016 realizou a súa primeira exposición propia de obra gráfica na Galería de Arte Soho de Vigo, e en agosto 2016 en Atenea Street (A Coruña). Chamada SER É CREAR, nesta expo presentounos unha retrospectiva das súas mellores ilustracións sobre cristal. 22 obras en total, que supoñen unha reivindicación da figura da/o artista gráfica/o nas galerías de arte, xa sexa como creador/a directa/o ou xerador/a de conceptos artísticos. A creación como principio vital. A creación como fonte de vida ou cando crear é outorgar a existencia, á obra propia e a unha/un mesma/o.

Na súa imaxinería adivíñanse viaxes polo mundo, cunha proposta moi icónica que dota de vida corpos, xeometrías e estruturas posmodernistas, coa natureza como axente inspirador. O encontro entre o salvaxe e o urbano desemboca nun paseo polo universo dos soños que se vai descifrando a través dunha visión optimista do mundo que nos rodea.

O feminino plásmase na súa obra como unha forza visionaria, con ecos de Bárbara Kruger, Marina Abramovic ou Cindy Sherman, revindicando a figura da muller loitadora e sofisticada. A pasarela de moda, a Bauhaus, Win Wenders, Joseph Beuys, Nam June Paik ou Bansky son outras das súas influencias directas.