Elas Son Artistas é un proxecto gañador do 1º Concurso de Ideas pola Igualdade na Cultura “Luisa Villalta” da Deputación da Coruña.

 

É unha celebración da muller como Artista, como Creadora. Dende a Sala Mardi Gras levamos máis de 18 anos traballando pola Cultura, principalmente pola música. Máis de 2150 eventos e concertos teñen pasado pola nosa pequena sala de Monte Alto.

 

Con este festival damos un humilde gran paso para traspasar as nosas portar e expandir pola área metropolitana da nosa Cidade, A Coruña, esa cultura que defendemos como unha necesidade vital e social e neste caso coas mulleres sendo as grandes protagonistas.

 

Na xornada inicial, grazas á Deputación da Coruña, en concreto as suas áreas de Igualdade e Cultura, teremos a oportunidade de compartir un día de reflexión e reivindicación no Pazo de Mariñán. A inscrición é aberta (e gratuita) a artistas, profesionais e técnicas das artes e responsables de cultura e igualdade dos dez concellos da área metropolitana, así como do Consorcio das Mariñas e, por suposto, da Deputación.

 

#ESA aposta tamén por máis reinvidicacións. Unha delas é a mistura, en plano de igualdade, do público e o privado cando estamos a falar de cultura. Que non haxa barreiras de ningún tipo. Grazas as inmensas facilidades que vivimos coas persoas de cada un dos concellos cos que falamos para involucralos no proxecto, hoxe falamos dunha realidade: un Festival Metropolitano, con 7 concellos implicados nesta primeira edición: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. Queremos poñer nas mentes das persoas que habitan eses espazos que non deberían existir barreiras para a Cultura, para as Artes. E que teñamos esta zona da Terra (e máis alá) como un lugar no que movernos en busca de experiencias que nos fagan enriquecer as nosas mentes, coñecer persoas, lugares abertos e pechados. Convivir. E por iso fletamos buses para, dun xeito ecolóxico e sostible, echegar á xente aos diversos concertos gratuitos.

 

E falando de lugares, queremos reivindicar as Salas de concertos como Patrimonio Cultural a coidar. Bâba Bar, Jazz Filloa, Garufa Club e a Sala Mardi Gras vivirán noites fantásticas durante o noso festival, como o fan tantas e tantas noites ao ano dende hai moito tempo. Xunto co Playa Club (que non está nesta primeira edición pero no futuro tamén chegaremos alí), o ano pasado celebráronse 705 concertos na cidade da Coruña nesas 5 salas. Unha marabilla. E citamos esas cinco porque con elas compartimos algo tan fundamental como é o asociacionismo. Estamos xuntas en Clubtura (a asociación galega de salas), ACCES (a estatal) e Live DMA (a europea).

 

Sumamos finalmente ese grande teatro público que temos no centro da vila: o Teatro Colón no que viviremos un espectáculo que vai fascinar ás persoas que merquen a entrada para ver a ELE. A artista madrileña que coa sua banda presentan o seu segundo disco grabado nin máis ni menos que na meca dos Beatles: os Estudios Abbey Road de Londres.

Estan sendo meses de moito traballo, búsqueda de boas propostas artísticas dende A Coruña ata Guatemala. De centos de detalles, conversas (visita o apartado “entidades” para coñecer grazas a quen é posible todo isto) que sabemos que pagarán a pena se facemos que nenas e nenas, familias, xentes de asociacións, de colectivos informais… vivan a arte en directo en moitas das suas expresións: danza, pintura, poesía, teatro… e moita música.

 

Yolanda Villa

Directora de Elas Son Artistas